Historia

Historia Club Piragüismo A Illa de Arousa

Remando dende 1982

A historia do Club de Piragüismo Illa de Arousa comeza no ano 1982 baixo o nome San Xulián (patrón da Illa). Neses primeiros anos de andadura funcionou sen adestrador, saíndo de xeito esporádico a competicións de nivel provincial. Estas participacións supoñían o conseguinte traslado en barco dende a illa ata a península, posto que ata o ano 1985 o transporte por terra non foi posible.

Na tempada 1983/1984 o club contou co seu primeiro adestrador, momento no cal se comezaron a marcar uns obxectivos deportivos que deron como resultado dous trofeos a nivel individual.

Despois duns anos, o club pasou a formar parte da Asociación Cultural Dorna, tendo autonomía propia pero contando coa súa axuda para recadar fondos para o seu funcionamento e para a organización de eventos que promocionaban a entidade. Foi durante esta etapa, máis concretamente no ano 1985, cando se compite por primeira vez nun Campionato de España contando coa participación de dous palistas.

No ano 1986 o club consegue o ascenso a 1ª División, tras acadar o primeiro posto na 2ª División. Neste mesmo ano o equipo acude ao Campionato de España con sete palistas, momento a partires do cal o club foi afianzándose máis, contando cunha filosofía de traballo e priorizando obxectivos como son: a adquisición dunhas instalacións deportivas e de mellores embarcacións; contar cunha estrutura propia que ano a ano foi tendo un crecemento ata conseguir, no ano 1995, gañar o Campionato de España de Clubs e obter varios dos seus padexeiros medallas nas diferentes competicións Nacionais e Autonómicas.

Durante todos estes anos, dende o club tramitáronse entre 85 e 120 licenzas por ano ante a Federación Galega e a Federación Española de Piragüismo, de xeito que numerosos deportistas que son membros da nosa entidade proclamáronse Campións Nacionais e Autonómicos en diferentes modalidades, o que fixo que fosen incluídos na Selección Galega e Nacional, acadando deste xeito un palmares en competicións internacionais.